Esculpir o tempo. Apuntes metodolóxicos sobre a docencia de Cultura Audiovisual

Xoves de arte e didáctica

Encontro mensual de formación en liña

Adscrita ao Bacharelato de Artes, a materia de Cultura Audiovisual é xeralmente impartida por docentes pertencentes ao corpo oficialmente chamado “de Debuxo”. Sen embargo nesta materia apenas se recorre á práctica do debuxo, o que lle confire unha singularidade que, a priori, pode resultar incómoda para moitos docentes que priorizan o uso do lapis ou o pincel como ferramentas vertebradoras da Educación Plástica.

Nesta charla-debate reflexionaremos sobre como esa singularidade de CAU non está en conflito co resto de materias do departamento, senón que paradoxalmente ofrece o potencial de traballar sistematicamente sobre conceptos e estratexias comúns a todas as materias do bacharelato de artes, e máis concretamente a complexidade do correlato dinámico entre composición, percepción e cognición. Tarkovski definía o cinema como “tempo esculpido”, nun aforismo extraordinariamente potente que resume a pertinencia e beleza da gramática audiovisual: un campo cuxa esencia é o tempo e non soamente (como nas concepcións clásicas da plástica) o espazo.

A idea central deste debate será o papel do dinamismo da imaxe como o gran tema que só en CAU adóitase traballar. Reflexionaremos sobre se a Educación Plástica debe necesariamente vertebrarse en torno ao Debuxo, ou se máis ben o pensamento visual e a cognición estética do tempo poden ser traballadas recorrendo tamén a un campo como o audiovisual, que aínda resulta incómodo (e menor) a moitos académicos. Para iso expoñeremos estratexias didácticas científicas baseadas na fenomenoloxía, o formalismo e os “spectatorship studies” anglosaxóns. Buscamos, en fin, instrumentalizar a riqueza do imaxinario audiovisual do alumnado (un terreo no que son, á súa maneira, eruditos) para atraerlles a preguntas capaces de converter o cotián en substancia estética e, por tanto, artística.

O vindeiro xoves 28 de xullo pecharemos o curso con esta sesión de formación, as 19:30 co noso compañeiro Cesar Losada Romero, reflexionando sobre a materia de Cultura Audiovisual.  Convidámosvos a participar!

Cesar Losada Romero: Esculpir o tempo. Apuntes metodolóxicos sobre a docencia de Cultura Audiovisual

Encontro en liña aberto ao público tanto para persoas asociadas como non asociadas.

Enderezo: https://eduxunta.webex.com/eduxunta/j.php?MTID=m16d1941af6a3c498003e2ce6dcfc39ec

Contrasinal: 1234

Xoves 28 de Xullo de 19:30 a 20:30

Deixa unha resposta