Asemblea Xeral da asociación – 27 de outubro – Fundación Seoane

Convócase a todos os socios e socias da Asociación Galega de Ensinantes de Debuxo e Artes plásticas á Asemblea Xeral ordinaria que se celebrará o próximo 27 de outubro no auditorio da Fundación Seoane (San Francisco 27, A Coruña), ás 18:00 en primeira convocatoria e ás 18:30 en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:

1- Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.

2- Informe económico e de xestión.

3- Renovación de cargos directivos.

4- Actividades de formación para o curso 2023-24.

5- Outras actividades da Asociación.

6- Rogos e preguntas.
Agardamos que podas participar e tomar parte nos debates e decisións da asemblea. No caso de non poder asistir, podes delegar noutro socio ou socia, que deberá presentar impreso e asinado por ti este documento de autorización:

http://www.webageda.org/documentos/delegavoto.doc

Pode asistir a asemblea todo o profesorado de debuxo e de calquera materia artística, aínda que non estea asociado. Se sabes de algunha persoa interesada en formar parte da Asociación, facilítalle este documento de inscrición:

http://www.webageda.org/documentos/inscricion_domiciliacion.doc

O documento pode ser entregado, cuberto e asinado, por alguén que asista á reunión, ou ben enviado por correo ordinario á dirección: IES Lagoa de Antela, Av. de Ourense 184, 32630 Xinzo de Limia, Ourense, á atención do Departamento de Plástica.

Por outra banda agradeceríamos, que nos comunicases calquera cambio que tivese lugar nos teus datos persoais (enderezo, centro de destino, nivel laboral, correo, teléfono…) para actualizar a nosa base de datos, ben na Asemblea ou contestando este correo.

Grazas pola colaboración.

Esculpir o tempo. Apuntes metodolóxicos sobre a docencia de Cultura Audiovisual

Xoves de arte e didáctica

Encontro mensual de formación en liña

Adscrita ao Bacharelato de Artes, a materia de Cultura Audiovisual é xeralmente impartida por docentes pertencentes ao corpo oficialmente chamado “de Debuxo”. Sen embargo nesta materia apenas se recorre á práctica do debuxo, o que lle confire unha singularidade que, a priori, pode resultar incómoda para moitos docentes que priorizan o uso do lapis ou o pincel como ferramentas vertebradoras da Educación Plástica.

Nesta charla-debate reflexionaremos sobre como esa singularidade de CAU non está en conflito co resto de materias do departamento, senón que paradoxalmente ofrece o potencial de traballar sistematicamente sobre conceptos e estratexias comúns a todas as materias do bacharelato de artes, e máis concretamente a complexidade do correlato dinámico entre composición, percepción e cognición. Tarkovski definía o cinema como “tempo esculpido”, nun aforismo extraordinariamente potente que resume a pertinencia e beleza da gramática audiovisual: un campo cuxa esencia é o tempo e non soamente (como nas concepcións clásicas da plástica) o espazo.

A idea central deste debate será o papel do dinamismo da imaxe como o gran tema que só en CAU adóitase traballar. Reflexionaremos sobre se a Educación Plástica debe necesariamente vertebrarse en torno ao Debuxo, ou se máis ben o pensamento visual e a cognición estética do tempo poden ser traballadas recorrendo tamén a un campo como o audiovisual, que aínda resulta incómodo (e menor) a moitos académicos. Para iso expoñeremos estratexias didácticas científicas baseadas na fenomenoloxía, o formalismo e os “spectatorship studies” anglosaxóns. Buscamos, en fin, instrumentalizar a riqueza do imaxinario audiovisual do alumnado (un terreo no que son, á súa maneira, eruditos) para atraerlles a preguntas capaces de converter o cotián en substancia estética e, por tanto, artística.

O vindeiro xoves 28 de xullo pecharemos o curso con esta sesión de formación, as 19:30 co noso compañeiro Cesar Losada Romero, reflexionando sobre a materia de Cultura Audiovisual.  Convidámosvos a participar!

Cesar Losada Romero: Esculpir o tempo. Apuntes metodolóxicos sobre a docencia de Cultura Audiovisual

Encontro en liña aberto ao público tanto para persoas asociadas como non asociadas.

Enderezo: https://eduxunta.webex.com/eduxunta/j.php?MTID=m16d1941af6a3c498003e2ce6dcfc39ec

Contrasinal: 1234

Xoves 28 de Xullo de 19:30 a 20:30

Documentación da Xornada informativa e de traballo sobre o decreto do currículo de Educación Secundaria e Bacharelato

 

Acabamos de compartir a gravación que fixemos da Xornada informativa e de traballo sobre o decreto do currículo de Educación Secundaria e Bacharelato. Esperamos que vos guste!

Captura-Xornada

 

Vos achegamos tamén a documentación que utilizamos para a xornada.

Xornada informativa e de traballo sobre o decreto do currículo de Educación Secundaria e Bacharelato

Xoves de arte e didáctica

Encontro mensual de formación en liña

O vindeiro xoves 16 de xuño, retomamos este espazo de intercambio de ideas e coñecementos que demos en chamar Xoves de arte e didáctica. Encontro mensual de formación en liña e que, pese ao seu título e as nosas mellores intencións, aínda non se consolidou o suficiente como para manter a periodicidade que desexamos.

Na actual conxuntura, coa inminente entrada en vigor da nova lexislación educativa e logo da recente asemblea da 09+ Federación Estatal del Profesorado de Dibujo, parécenos importante facer unha lectura crítica dos anteproxectos dos decretos, polos que se establecen as ordenacións dos currículos da Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato en Galicia.

A idea é desenvolver unha sesión informativa e de traballo a partir dos textos dos anteproxectos. Pretendemos que sexa unha sesión de debate fluído pero tamén que vos animedes a participar aportando as vosas propias análises sobre os documentos coa profundidade que creades necesaria.

Lembra: xoves 16 de xuño a partir das 19:30 h. Nesta ocasión empregaremos a plataforma Webex.

Xornada informativa e de traballo sobre o decreto do currículo de Educación Secundaria e Bacharelato

Encontro en liña a través de https://eduxunta.webex.com/eduxunta/j.php?MTID=m93d29005093a3381898c0b7e7c07e6ca

Xoves 16 de Xuño de 19:30 a 20:30

Contrasinal 1234

Documentación da presentación de Paulo Porta sobre a cuadratura do círculo e outros cálculos xeométricos

Acabamos de compartir a gravación que fixemos da presentación de Paulo Porta sobre a cuadratura do círculo e outros cálculos xeométricos. Esperamos que vos guste!

Captura da presentación de Paulo Porta

Vos achegamos tamén a documentación que utilizamos para a xornada.

* Entre o minuto 54 e o minuto 56 o vídeo está conxelado por un problema na grabación pero o audio funciona correctamente :-/

A cuadratura do círculo e outros cálculos xeométricos

Xoves de arte e didáctica

Encontro mensual de formación en liña

Pese ao enorme reto que supuña organizar unhas xornadas didácticas telemáticas por mor da COVID, parece que foron un éxito rotundo. As achegas que recibimos a través do formulario de avaliación foron moi positivas e o ánimo que respiramos ao remate das xornadas foi de recuncar.

Por esta razón, decidimos iniciar un novo formato de formación e continuar organizando pequenos encontros en liña. Serán charlas breves e dinámicas cun pequeno debate que organizaremos regularmente o primeiro xoves de cada mes entre setembro e xuño. A idea é facer unha presentación de 40 minutos e deixar 20 minutos para preguntas e coloquio, de xeito que o encontro dure aproximadamente unha hora. Ao igual que as recentes xornadas faremos estes encontros a través da aplicación de Falemos.

O vindeiro xoves 3 de xuño iniciaremos este ciclo de encontros as 19:30 co noso compañeiro Paulo Porta, falando sobre “A cuadratura do círculo e outros cálculos xeométricos”.  Convidámosvos a participar!

Paulo Porta: A cuadratura do círculo e outros cálculos xeométricos

Encontro en liña a través de https://falemos.edu.xunta.gal/AGEDA
Xoves 3 de Xuño de 19:30 a 20:30